27 feb 2013

Preparando "Unha primavera de poemas"


Dentro do proxecto da Biblioteca Escolar e en colaboración coas bibliotecas doutros centros da Mariña, o igual que o curso pasado (“Lembrando o pasado”), propoñemos ás familias a súa participación nunha actividade que leva por título:

“UNHA PRIMAVERA DE POEMAS: apadriña unha poesía”

Esta actividade ten como obxectivo a posta en valor da poesía como unha forma máis de literatura e moi importante na formación de hábitos lectores.
Por iso enviámosvos este formato para que acompañedes aos vosos fillos na procura dun autor, da súa obra e dun poema que lles guste. No mesmo terán que copiar a poesía, facer unha pequena obra plástica a modo de ilustración do contido do poema, inventar unha estrofa nova (si se desexa)… e por último cubrir os datos que se indican. 
Cando se remate o traballo entregarase ao titor ou titora tendo como data tope o luns, 18 de marzo.
Cos traballos faremos unha exposición no propio centro coincidindo coa chegada da primavera e o Día da Poesía (21 de marzo) e durante o mes de maio, unha exposición conxunta na Sala de Exposicións do Concello de Viveiro.